Thursday 09 de May de 2024

O humor e a música das comparsas abren este venres á noitiña o entroido en Neda


O festival terá lugar no pavillón municipal Ale de Paz, e estará precedido, se o tempo o permite, do tradicional desfile polas rúas

Neda arrinca mañá a programación especial do Entroido 2024 coa vista posta no tempo. As comparsas do municipio e do resto da comarca serán as protagonistas da primeira gran cita coa diversión. Ao redor de 300 persoas conforman as nove agrupacións que tomarán parte no desfile, sempre que a climatoloxía o permita- e no posterior festival.

A partir das 20 horas está previsto que saia o desfile da Avenida de Castelao, con destino ao pavillón municipal Ale de Paz, ao que chegarán os participantes, tras percorrer as rúas Xeneral Morgado e Sobre a Vila e, cruzar a Avenida de Alxeciras e, finalmente, subir pola rúa Valle Inclán. Con todo, dende o departamento de Cultura avanzan que, en caso de chuvia, as comparsas se concentrarían directamente na contorna das instalacións deportivas ás oito da tarde.

Abrirá o desfile a comparsa Vide Vindo (Ferrol); seguida da Revolta de Trasancos (Ferrol); Troupele Troupele (Narón); Os Argalleiros (Narón); O Aturuxo de Melpómene (Narón); o grupo As Caralletas (Neda); As Xoaniñas de Chao (Narón); Os Colludos (Ferrol) e A Canteira do Puntal (Neda). En total, preto de 300 persoas, sendo as comparsas máis numerosas Os Argalleiros (60 integrantes) e A Revolta de Trasancos (50).

A gala estará presentada polo showman nedense Dani Ríos, e levarán diploma o grupo e/ou comparsas máis animados, os máis orixinais e mellor “tuneados” e tamén as que poñan voz ás mellores letras, en opinión do xurado.

Mentres duren as actuacións, estará aberto o prazo para anotarse no concurso de disfraces, que terá lugar xusto despois. As persoas participantes -categorías individual, parellas e grupos de entre 3 e 6 integrantes- terán que subir ao escenario a desfilar e poderán gañar cestas con produtos típicos do entroido. A proposta está aberto a persoas maiores de 14 anos.
Dende o Concello, convídase a todo o mundo a seguir as actuacións e, tamén, faise un chamamento para evitar o estacionamento na rúa Sobre a Vila entre as 19 e as 21:30 horas.